mércores, 22 de decembro de 2021

BO NADAL E FELIZ ANINOVO!

 Este martes celebramos o Nadal no colexio con varias actividades festivas, como a visita dos Reis Magos, as badaladas de fin de ano, chocolate con churros para merendar e moitas cousas máis. Rematamos así este primeiro trimestre cheo de esforzo, aprendizaxes e moita ilusión, a pesares dos momentos difíciles que vivimos pola pandemia. Parabéns a todos e todas! Desexamos que pasedes unhas felices festas e un Nadal Máxico, cheo de paz, felicidade e moita saúde, e que no ano novo todos os vosos desexos se fagan realidade.  

E non vos esquezades de visitar a web do cole para ver as felicitacións de cada curso!

 

Pincha na ligazón para ver as fotos:

NADAL 2021/22

sábado, 18 de decembro de 2021

NATACHA E AS SÚAS AVENTURAS

 Queremos contarvos que xa rematamos a lectura colectiva de Natacha. Compartimos as ideas tolas, as trasnadas e a inocencia da protagonista e rímonos moito, aínda que a algúns gustounos o libro máis que a outros; hai opinións mooooooi diferentes!  

Aquí podedes ver a actividade final coa nosa portada personalizada  e unha pequena reflexión sobre o que máis nos gustou. Xa estamos desexando ler máis libros de Natacha e seguir compartindo as súas aventuras!






MONSTRUO ROSA

 Este mes de decembro conmemoramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade e no cole realizáronse diferentes actividades para descubrir que todos somos capaces. Traballamos a partires do conto Monstruo Rosa, de Olga de Dios, un berro  de liberdade e valoración da diversidade. Realizamos tarxetas e vídeos coas nosas monstruosas capacidades, que podedes ver na web do cole, e ata inventamos os nosos propios monstros diferentes e capaces. 











E aquí vos deixamos o conto lido por nós. Esperamos que vos guste!



sábado, 4 de decembro de 2021

VISITAMOS O MUNCYT

 Este venres o alumnado de 3º e 4º visitamos o Muncyt, Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, situado no edificio Prisma de Cristal de A Coruña. Para nós foi a primeira saída que tivemos este curso, polo que estabamos moi contentos e emocionados. 

Primeiro fixemos un percorrido guiado por distintas salas do museo, a Sala Século XX e a Sala Iberia, onde puidemos ver a parte dianteira e o tren de aterrizaxe do Boeing 747 que trouxo o Guernica a España. E ata puidemos subir e ver a parte das bodegas ou a cabina de pilotaxe. Impresionounos moito!

Despois fixemos un taller no que montamos circuitos eléctricos.  Tivemos que seguir as indicacións do plano, buscar todas as pezas necesarias e fixarnos moi ben no xeito e orde de colocalos para establecer a corrente eléctrica. Foi moi divertido e aprendemos moito, É moi importante coñecer as distintas formas de enerxía e experimentar con elas, lembrando sempre a necesidade de facer un uso responsable e buscar alternativas sostibles que reduzan a contaminación.

Aquí tedes uns vídeos desta saída tan interesante e divertida. 



Pinchade na ligazón se queredes ver as fotos:

FOTOS VISITA AO MUNCYT


xoves, 2 de decembro de 2021

"A TU ROPA LE QUEDA MUCHA TELA"

 Hoxe tivemos unha actividade de sensibilización sobre o ciclo da roupa, levada a cabo por Texlimca, actual responsable da recollida e xestión dos residuos textiles do Consorcio de As Mariñas. Con el aprendemos que a nosa roupa vella aínda ten moito uso mediante a reutilización ou a traves da súa transformación noutros materiais industriais.


Primeiro presentáronnos a Wippy e a súa casa, o colector azul ceo,  no que debemos depositar sempre a roupa usada, e tamén  aos seus amigos Lingüetas, don Xersei, Patas, Mangas e Buratos. E despois ensináronnos nun vídeo como é o ciclo da roupa , desde a súa adquisición no comercio ata a  valorización enerxética.

E como hai moitos xeitos de reutilizar a nosa roupa aprendemos a facer unha bolsa a partires dunha camiseta vella. Encatounos a idea, polo que agora tocaranos facer as nosas propias bolsas recicladas e xa volas ensinaremos...

 Ademais déronnos de agasallo ao noso Wippy reciclado. Moitas grazas!

Aquí tedes algunhas fotos da actividade e un primeiro resumo do ciclo da roupa, pero xa vos contaremos moito máis...