venres, 27 de maio de 2022

LECTURAS COMPARTIDAS

 Canto desfrutamos coas nosas lecturas compartidas! Nesta ocasión Daniela e Carla contáronnos  Juan tiene autismo e Daniela tamén compartiu a lectura de Ola, son un bicho bóla, un conto moi divertido. Pelayo leunos La isla del abuelo, un libro que nos amosa que as persoas que queremos permanecerán sempre preto de nós. Vicky e Mía contáronnos que a nube Olga estaba triste e Enzo e Dante lembráronnos o delicado que é o equilibrio da natureza co precioso libro Dos montañas. Parabéns!





martes, 24 de maio de 2022

FEIRÓN AMA CON 💗

 Ola! Xa temos dispoñible o catálogo para o feirón solidario que realizaremos o  mércores 1 de xuño, no que podedes ver os produtos que cada clase preparou para este evento dentro do proxecto de consumo responsable que desenvolvemos este curso escolar. Lembrade que as familias podedes visitar os diferentes postos e mercar os produtos que desexedes.


luns, 23 de maio de 2022

SESIÓN DE TAEKWONDO

 Dentro do programa Coñece o meu club, hoxe tivemos unha sesión cos técnicos do Club Taekwondo de Sada para coñecer un pouco máis este deporte. Puxemos un gran interese  e gustounos moito, como podedes ver nas fotos da actividade.

 Sesión de taekwondo




venres, 20 de maio de 2022

SAÍDA AO MUÍÑO DE PEDROSO

Hoxe tivemos a nosa excursión de fin de curso ao Muíño de Pedroso e pasamos un día fabuloso desfrutando da natureza, xogando e aprendendo xuntos.

Realizamos  un obradoiro de cestería no que tivemos que esforzarnos moito para ir rematando as nosas obras e dímonos conta do difícil que é o traballo dos artesáns e canto hai que valoralo. E outro de plantas aromáticas, no que fixemos uns saquiños con herba luísa, lavanda e romeu, que despois adornamos con follas e flores que nós mesmos recollimos no entorno.

Pero tamén tivemos tempo para xogar libremente e ser uns fantásticos exploradores e para  facer unha pequena ruta e coñecer a marabillosa paisaxe que nos arrodeaba; as árbores, o río, o muíño e ata as pegadas dos animais. 

E para rematar unha sesión divertidísima de xogos na que rimos a cachón.

Pinchade na ligazón para ver todas as fotos e vídeos da xornada.

Muíño de Pedroso

xoves, 19 de maio de 2022

NOVA SESIÓN DO CURSO DE VELA E ALGO MÁIS

 Ola! Hoxe tivemos a segunda sesión do curso de vela e puidemos desfrutar dun
fantástico día solleiro no mar.

 Aprendemos moitas cousas sobre as partes das embarcacións,  o vento, as mareas... Xa case somos uns expertos navegantes! Pinchade na ligazón para ver as fotos deste día.

Segunda sesión de vela

Pero iso non foi todo, porque ademais fixestes que fose un día moi especial coas vosas cartas, mensaxes...

Sodes unha clase fantástica!

Moitísimas grazas! 

BAILE

mércores, 18 de maio de 2022

OBRADOIRO ACEITES ESENCIAIS

 Hoxe tivemos un obradoiro de aceites esenciais no que aprendemos moitas cousas sobre o que a natureza nos aporta e descobrimos os beneficios de varias plantas, como a lavanda e a menta. Encantounos experimentar cos olores dos aceites e facer  os nosos propios produtos para o feirón solidario. 

Moitísimas grazas a Sira por todo o que nos ensinou! Pasámolo xenial!

Pinchade na ligazón para ver as fotos da sesión:

Aceites esenciais



venres, 13 de maio de 2022

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

 Hoxe conmemoramos o Día das Letras Galegas cun concerto didáctico a cargo da Asociación de Música e Danza Tradicional Queiroa. Canto nos gusta a súa música e canto aprendemos con eles!


Ademais realizamos ao longo da semana varias actividades sobre a vida e obra de Florencio Delgado. Traballamos especialmente dous poemas deste autor, A caldeira, co que fixemos un caligrama colectivo, e Pandeirada, do que cada neno e nena fixo a súa propia representación. 


Tamén deseñamos marcapáxinas para o concurso organizado polo Concello de Sada, no que o noso compañeiro Breixo foi un dos gañadores. Moitos parabéns para el e para todos e todas os que participaron.


 Déixovos un pequeno vídeo resumo e se queredes ver máis pinchade na ligazón.

LETRAS GALEGAS 2022

E non vos esquezades de escoitar o Tarabelo adicado ás Letras Galegas!


xoves, 12 de maio de 2022

INICIACIÓN Á VELA

 Hoxe comezamos a actividade de promoción Programa Xogade na Escola de Vela Alamar de Sada. Aprendemos moitas cousas sobre a vela e puxémolas en práctica navegando en diferentes embarcacións. Esta é a primeira das catro sesións do curso e xa estamos desexando voltar ao mar. Foi, sen dúbida, unha experiencia moi enriquecedora en todos os sentidos, e, aínda que algúns pasamos un pouquiño de frío, valeu moitísimo a pena. Parabéns a todos e todas por portarvos de dez! Pinchade na ligazón para ver o que desfrutamos...

INICIACIÓN Á VELA



luns, 2 de maio de 2022

DÍA CONTRA O ACOSO ESCOLAR

 Ola! Hoxe é  o Día contra o acoso escolar e no cole realizamos varias actividades para conmemoralo. Todos os cursos puidemos desfrutar do concerto A voar! da Orquestra Pantasma, que conta a historia da pequena Xoana, quen emprende unha longa viaxe que fará mudar a súa vida, amosándonos que só a través dos valores universais seremos quen de mellorar. E vaia se voamos todos e todas, como podedes ver neste pequeno vídeo e pinchando na ligazón. Pasámolo xenial!

Concerto A voar!


 Tamén vimos a presentación que tedes publicada no blog de orientación con recursos e un resumo das actividades realizadas no centro contra o acoso escolar. 

Aquí podedes ver o vídeo resumo:

 


              

E ademais tivemos unha sesión moi divertida co xogo de valores contra o acoso escolar que preparou a profe Oliva coa axuda da nosa clase. Moitas grazas e parabéns!



Foi un día estupendo para recibir  á nosa nova compañeira, Alejandra, que se incorporou hoxe á nosa clase. Entregámoslle un agasallo cos debuxos e mensaxes dos seus compañeiros e compañeiras. Benvida!