mércores, 22 de xuño de 2022

FELICES VACACIÓNS!

 Chegou o final de curso e toca descansar e recuperar forzas.

Moitos parabéns polo gran traballo e esforzo realizado en 3º. Foi un curso cheo de experiencias positivas e aprendizaxes compartidas e xa estades preparadísimos para comezar 4º. 


Déixovos unha ligazón coas miñas recomendacións especiais para o verán.

RECOMENDACIÓNS PARA O VERÁN 

Felices vacacións e mil apertas!


 

 

martes, 21 de xuño de 2022

CHEGOU O SADA TALENT

Hoxe os nenos e nenas do  cole amosáronnos os seus talentos no Sada Talent. Todo un espectáculo no que o pasamos xenial. Parabéns!






 Pinchade na ligazón para ver todas as fotos e vídeos:

  SADA TALENT

Na web do cole tamén podedes ver o ben que o pasamos onte no concerto   "A Música das buguinas" de Mamá Cabra e Bellón Maceiras.


 

 

xoves, 16 de xuño de 2022

ÚLTIMO DÍA DE BIBLIOTECA

 Ola! Hoxe tivemos o noso último xoves de biblioteca deste curso e despedímonos cunha sesión de contacontos moi completa. 

Alejandra e Sara léronnos La montaña de libros más alta del mundo, un precioso álbum ilustrado no que Lucas descobre que para voar non nos fan falta ás, xa que se pode conseguir coa lectura; e Yago contounos unha das moitas  aventuras de Ra e Rata.

E rematamos con Iago, Sara e Gabriel e Gústame o chocolate, moito, moitísimo, e que ben nos senta comelo e compartilo.

 

Como sabedes,

 ler fainos soñar,

 imaxinar, 

voar... 

así que non vos esquezades de continuar lendo canto máis mellor. 

Visitamos a biblioteca estas vacacións?



martes, 14 de xuño de 2022

DEBUXAMOS O UNIVERSO COMO MIRÓ

 Hoxe queremos compartir con vós as nosas versións do Universo e as constelacións ao estilo de Miró. Para rematar o tema do Sistema Solar quixemos desenvolver a nosa creatividade e ao mesmo tempo coñecer un pouco máis a este artista. Esperamos que vos gusten as nosas obras!





luns, 13 de xuño de 2022

RECOLLIDA DE RESIDUOS NA PRAIA DAS DELICIAS

 Cruz Vermella de Sada realiza cada ano unha actuación de limpeza na nosa vila e nesta ocasión os cursos de 3º e 4º de Primaria colaboramos con eles na recollida de residuos na Praia das Delicias. Foi unha actividade moi interesante na que participamos con moita ilusión e gañas e na que aprendemos moitas cousas cos voluntarios, que nos explicaron o que tiñamos que recoller e como se fai despois a clasificación dos residuos. 

Nun ratiño puidemos ver a gran cantidade de lixo que se acumula nas nosas praias!


 


 

 É moi importante ser responsables e cumprir coa regra dos tres erres, reducir, reutilizar e reciclar,  para coidar a natureza.

Lembrade que todos podemos axudar a diminuír a cantidade de residuos!

Pinchade na ligazón para ver as fotos da actividade

Limpeza da Praia das Delicias

 

 

xoves, 9 de xuño de 2022

SESIÓN DE BIBLIOTECA

 Hoxe tocounos sesión de biblioteca e continuamos cos nosos contacontos semanais. Esta vez Adriano leunos Madrechillona, unha preciosa metáfora sobre como se sente o pingüín cando o regañan e que remata cun sentido perdón, porque todos podemos equivocarnos, ata mamá... Marco e Joao, pola súa parte, contáronnos a tenra historia da árbore xenerosa e o seu amor sen límites cara a un neno.

Antony e Iago elixiron Estoy aquí, un conto que nos transmite que ás veces  os problemas van medrando máis e máis e que a solución non ten que ser a que esperas. E Iago tamén acompañou a Leila na lectura de Mil orejas, unha obra sobre as persoas con discapacidade auditiva e as súas mil maneiras de oír grazas as mil orellas diminutas que teñen no corpo.

Parabéns!


mércores, 8 de xuño de 2022

CUARTO DÍA DE VELA

 


Ola! Hoxe tivemos o último día do curso de vela e pasámolo xenial! A pesares de que choveu un pouquiño saímos ao mar e continuamos aprendendo todos os segredos deste deporte. Foi unha sesión moi especial porque algúns puideron navegar xa sós utilizando os "cadetes" e os "optimist". Tamén practicamos diferentes tipos de nós e xa o facemos moi ben. 


 

Unha xornada estupenda de convivencia e compañeirismo xunto aos nenos e nenas de quinto, chea de diversión e de risas. 

Moitas grazas á escola de vela Alamar por darnos a oportunidade de coñecer este deporte e a todos os monitores polas vosas ensinanzas! 

Este curso gustounos tanto que, ademais de facer algúns debuxos,  Valeria elaborou o seu barco con masa e  Marco tróuxonos unha maqueta moi chula. Parabéns!

 



Pinchade na ligazón para ver as fotos do curso

CUARTO DÍA DE VELA

xoves, 2 de xuño de 2022

CONTINUAMOS CO CURSO DE VELA

 Ola! Hoxe tivemos a terceira sesión do noso curso de vela e aproveitámola ao máximo. Aínda que tivemos algún ratiño de chuvia, en xeral o tempo foi bo e puidemos seguir as nosas clases de navegación nas diferentes embarcacións. E ata algúns acabaron dándose un baño. Preparados para dirixir o noso propio "cadete"?


Pinchade na ligazón para ver as fotos

CURSO DE VELA

mércores, 1 de xuño de 2022

CHEGOU O FEIRÓN SOLIDARIO!

 Hoxe por fin chegou o día e puidemos celebrar o noso feirón solidario. Montamos o posto con moitísima ilusión despois de todo o esforzo e traballo realizado e pasamos unha xornada fantástica compartindo a actividade cos nosos compañeiros e compañeiras do cole e coas familias. Moitísimas grazas pola colaboración e parabéns!



Pinchade nas ligazóns para ver as fotos da xornada

FEIRÓN 3º EP

FEIRÓN AMA CON CORAZÓN