mércores, 29 de novembro de 2023

ROBÓTICA: REPASAMOS OS ANIMAIS CO TALE-BOT

 Hoxe realizamos unha actividade de robótica, na que empregamos o TALE-BOT para repasar o aprendido dos animais vertebrados e invertebrados. Xogamos e aprendemos e dásenos moi ben!

 Pinchade  na imaxe para ver as fotos da sesión.


 


martes, 28 de novembro de 2023

PROXECTO SADABONA: MÚSICA E CULTURA GALEGA

 Dentro das actividades que estamos realizando na clase, coa colaboración das familias, para o Proxecto Sadabona, hoxe tocoulle á nosa terra, Galicia. Visitáronnos María, a nai de Icía, e Eva, a nai de Laila, unha compañeira de sexto curso.  Ámbalas dúas son pandereiteiras e quixeron compartir connosco un anaco de tradición, cultura e música galega. 

Foi precioso escoitar as historias que nos contaron sobre os instrumentos chamados "pobres" e a súa orixe; os contos de labregos, lareiras e tantas tradicións transmitidas polos nosos avós e avoas... 

 Aprendemos que facían música coas cousas que tiñan á man, ata co sacho co que traballaban a terra,  e puidemos probar a tocar coas culleres, as latas de pimentón, as cunchas, a botella de anís...

 Tamén nos ensinaron instrumentos tradicionais, como o pandeiro e a pandeireta.

Disfrutamos moito  coa súa música e as súas cancións!

E ata nos trouxeron o noso diploma de percusión tradicional personalizado, co que xa semella que estamos preparados para ser transmisores orais da cultura musical galega. Por iso, xa sabedes, a manter vivas as nosas tradicións!

Moitísimas grazas por este obradoiro tan bonito e enriquecedor! Encantounos e pasámolo xenial. Moitos parabéns!

Pinchade na imaxe para ver as fotos e vídeos da sesión.





FELIZ ANIVERSARIO!

 


venres, 24 de novembro de 2023

25 N DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Esta semana realizamos diversas actividades relacionadas co 25 N, para rexeitar calquer tipo de violencia contra as mulleres. 

 Recortamos e engurramos  as siluetas para o mural colectivo que fixemos no colexio, representando así  a pegada que a violencia deixa nas persoas.

 Aprendemos a canción Ni una más, de Aitana, e preparamos unha coreografía con Aroa  para a estrofa que nos tocou. Canto traballamos para aprendela e que ben nos saíu!

 Tamén realizamos carteis co lema deste ano.

E hoxe participamos no acto colectivo no patio.

Pinchade na imaxe para ver fotos  desta conmemoración.

 E podedes ver máis na web do colexio


martes, 21 de novembro de 2023

PROXECTO SADABONA: COÑECEMOS VENEZUELA

 Continuamos na nosa viaxe coñecendo os países de orixe dos nenos e nenas da clase. Hoxe visitáronnos os pais de Vicky, Raquel e Emilio, para achegarnos a Venezuela e ensinarnos as marabillosas riquezas paisaxísticas deste precioso país.

 Contáronnos a súa situación, como son o seu relevo e o seu clima, os lugares turísticos...e é que Venezuela, como din eles, o ten todo: praias, desertos, montañas, chairas, ríos, pontes, cidades e lagos.

 Tamén nos ensinaron moitas curiosidades, como o fenómeno meteorolóxico do Catatumbo, no que se producen máis de 28 raios por minuto; ou que no país atópase a araña máis grande do mundo. 

Non paramos de participar e facer preguntas!

E para finalizar, nada mellor que coñecer un dos xogos tradicionais máis populares de Venezuela, Ponlle o rabo ao burro, e  uns crebacabezas máxicos que nos encantaron.


 Pinchade na imaxe para ver as fotos da sesión e o ben que o pasamos.

Moitísimas grazas pola visita e parabéns por este precioso traballo  e a vosa colaboración!


venres, 17 de novembro de 2023

PROXECTO SADABONA: COÑECEMOS AS PONTES

 Continuamos na primeira etapa do  PROXECTO SADABONA  coñecéndonos mellor a nós mesmos e ás nosas raíces.

 Hoxe contamos coa visita de Edu, o pai de Carmen e Nieves, que nos achegou á historia da mina e do lago de As Pontes, localidade moi importante para a súa familia. 

 Unha histoira apaixoante coa que realizamos unha viaxe no tempo desde a Prehistoria á actualidade, e coa que puidemos ver como se pode transformar unha paisaxe, pasando de ser un val a unha mina e rematar converténdose nun gran lago. 

 Tamén puidemos ver réplicas das máquinas xigantes que se utilizaban..

E, finalmente, Edu ensinounos como se pode utilizar a intelixencia artificial para crear imaxes como esta, na que vemos as distintas fases da transformación.

E claro, nós tamén quixemos crear algunhas imaxes coa súa axuda...

Pinchade na imaxe para ver fotos da sesión

 


E se queredes coñecer toda a historia podedes ver a súa presentación

DO T-REX A UN LAGO ARTIFICIAL

Moitísimas grazas por esta visita tan interesante e divertida!

 E parabéns por este gran traballo!

mércores, 15 de novembro de 2023

VISITA INTERCULTURALIDADE

 Hoxe visitáronnos cinco alumnos de 5º de EP para compartir connosco unha presentación sobre o seu traballo de interculturalidade.

Aprendemos con eles moitas cousas de diferentes países de forma lúdica.

 Moitas grazas Breixo, Fran, Gabriel, Marco e Joao!

Parabéns polo voso traballo!



martes, 14 de novembro de 2023

PROGRAMA TEI: SOMOS DIFERENTES, PERO TEMOS COUSAS EN COMÚN

 Hoxe realizamos unha nova actividade do PROGRAMA TEI, Somos diferentes, pero temos cousas en común.

Partindo da curta Ratón en venta, traballamos valores como o respecto polas diferenzas dos demais. A finalidade é que o alumnado aprenda  que temos moitas máis cousas en común do que pensamos. 

 
Compartimos as nosas reflexións sobre a amizade, a tolerancia, a discriminación e a importancia de aceptar as diferenzas.
E despois fixemos unha dinámica na que tentamos descubrir algunhas cousas que temos en común.
 
Fixémolo xenial!
 
Podedes ver algúns momentos da actividade no seguinte vídeo


mércores, 8 de novembro de 2023

PROGRAMA TEI: O MONSTRO DE CORES

 Hoxe realizamos a actividade do PROGRAMA TEI O monstro de cores, que ten como obxectivo traballar o autodescubrimento e a colaboración.

A partires do conto e do vídeo, o alumnado aprendeu a identificar as cinco emocións básicas: ledicia, tristura, medo, carraxe e calma.


 Traballamos en grupos para facer as rodas das emocións, compartindo o que significaba cada unha para nós.

E rematamos coloreando monstros de cores que colocamos nun mural.

Pinchade na imaxe para ver as fotos da actividade


martes, 7 de novembro de 2023

PROXECTO SADABONA: COÑECEMOS NICARAGUA

Dentro do PROXECTO SADABONA, hoxe visitounos Irys, a nai de Francis, para contarnos como é  Nicaragua, o seu país de orixe. 

Coñecemos curiosidades, a paisaxe, as súas preciosas praias,  o clima, comidas e traxes típicos, a artesanía... e ata nos ensinou os xogos que practicaba en Nicaragua de pequena. 

 Gustounos tanto que non paramos de facerlle preguntas sobre todo o que estabamos vendo.

Moitísimas grazas por compartir Nicaragua connosco e facernos a visita tan divertida e enriquecedora.  Parabéns!

Pinchade na imaxe para ver as fotos da sesión