xoves, 21 de decembro de 2023

NADAL

  Hoxe tivemos unha xornada de festa chea de emocións, actividades compartidas, baile, visita de Papa Noel e chocolatada. Tamén despedimos a Aroa, que nos acompañou neste trimestre. Moitas grazas polo teu cariño e adicación e moita sorte!

FELICES FESTAS!

Pinchade na imaxe para ver as fotos  



mércores, 20 de decembro de 2023

PROGRAMA TEI: NOS SEUS ZAPATOS

Nos seus zapatos é unha actividade do Programa TEI, que ten como obxectivo valorarse positivamente, tanto a un mesmo como ao que se ten, aprendendo a importancia da actitude coa que se enfrontan as dificultades e de saber poñerse no lugar dos demais.

A partires dun vídeo, os nenos e nenas reflexionaron por grupos para despois poñer en común as súas conclusións.  Despois foron apuntando durante a semana esas cousas positivas, que nos fan felices ou que nos fan sentir ben. Continuaremos traballando este tema nas próximas semanas.



martes, 19 de decembro de 2023

EXPOSICIÓN SADABONA

 Hoxe visitamos a exposición de Sadabona deste trimestre e puidemos ver o traballo de todo o centro e tamén do noso curso sobre interculturalidade.

 Recollemos algunhas das moitas cousas que aprendemos sobre nós mesmos e as nosas  raíces.

 

Pinchade na imaxe para ver as fotos da visita




xoves, 14 de decembro de 2023

PROXECTO SADABONA: REPÚBLICA DOMINICANA

 Continuamos coa viaxe polas nosas raíces, visitando República Dominicana con Ana, a nai de Antony; cruzamos o Atlántico para chegar a esta illa tan bonita e con tantas paisaxes paradisíacas.

Ana fixo un percorrido polos feitos máis importantes da historia deste país e o significado da súa bandeira e do seu escudo. E aprendemos cousas moi interesantes, como que a illa que comparten Haití e República Dominicana foi descuberta por Cristóbal Colón na súa primeira viaxe a América.

E sabíades que o establecemento do 25 N como Día Internacional da eliminación da violencia contra a muller, ten a súa orixe na historia das irmás Mirabal, tres mulleres loitadoras da República Dominicana?

Tamén nos falaron da súa gastronomía, monumentos e praias, como a Praia de Arroyo Salado, que tanto lle gusta a Antony visitar.

Pero o que máis lle gusta a Antony , e dos que sabe moitas cousas, son os animais, por iso contounos  que todos os anos miles de baleas achéganse ás augas cálidas da República Dominicana para ter as súas crías; a baía de Samaná convírtese así nun dos escenarios máis espectaculares da natureza.

Tiñamos como sempre moitas preguntas e curiosidades que foron contestando, e, para rematar, un pouco de música dominicana. 

Unha visita moi interesante, que nos encantou! Moitísimas grazas pola colaboración e parabéns!

Pinchade na imaxe para ver algunhas fotos da sesión





martes, 12 de decembro de 2023

PROXECTO SADABONA: SENEGAL

 Hoxe cotinuamos na nosa viaxe do Proxecto Sadabona coñecendo Senegal, coa visita do irmán de Fara, Birame, e o seu curmán, Ibra. 

Faláronnos de como é a vida neste país africano e contáronnos moitas cousas interesantes da súa cultura. Tiñamos tantas preguntas preparadas que se nos fixo moi curto!

Coñecemos o importantes que son os baobabs para os senegaleses, as árbores da vida, que lles proporcionan comida, auga, refuxio e roupa. Son considerados como un símbolo de prosperidade, tradición e raíces milenarias e por iso aparece no seu escudo. Tamén aparece o león, un animal admirado como símbolo de fortaleza e valentía.

Faláronnos das súas casas, da escola, das tradicións, do traballo... A súa familia adícase, sobre todo, á pesca, xa que viven moi preto do  mar.

Tamén nos amosaron que o deporte nacional é a loita senegalesa, que é tan importante para eles como o fútbol para nós.

 

 

E, finalmente,

 faláronnos do wolof, 

e ensináronnos palabras nesta lingua; 

de seguro que aprenderemos

 moitas máis con Fara...

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Moitísimas grazas por esta visita tan interesante na que aprendemos moitísimo de Senegal! Parabéns!

Pinchade na imaxe para ver as fotos da sesión



martes, 5 de decembro de 2023

CARREIRA ENKI

 Para conmemorar o Día Internacional das persoas con  Discapacidade, hoxe celebramos a CARREIRA ENKI, unha actividade lúdica e non competitiva, que promove a inclusión e a visualización das persoas con diversidad funcional.

Primeiro participamos na carreira e despois tocounos axudar na realización das probas na quenda dos maiores. Fixémolo xenial e pasámolo moi ben!

 Pinchade na imaxe para ver as fotos e vídeos da actividade.