luns, 27 de maio de 2024

PROXECTO COA ONG ÁFRICA SAWABONA

 Hoxe recibimos a visita das representantes da ONG ÁFRICA SAWABONA, coa que o 2º ciclo colaboramos dentro do PROXECTO SADABONA de interculturalidade.

Contáronnos como é a vida na aldea de Yamousa; como son as súas casas, a súa escola, a comida,  o transporte... Tamén puidemos ver o moito que  os nenos e nenas axudan ás súas familias. 

Esta ONG fai unha labor moi importante alí, mellorando as condicións de vida dos seus habitantes, desenvolvendo diversas accións no ámbito da saúde, da formación e da sensibilización.

Desde a nosa escola quixemos colaborar no seu proxecto de saúde bucodental coa donación de pastas dentais e foi todo un éxito coa axuda das familias e de varias empresas da localidade. E os nenos e nenas realizaron a presentación nas diferentes clases e en Sada, recolleron as pastas e participaron no proxecto con moito esforzo e ilusión.

 Parabéns polo voso traballo!

Moitas grazas!

Podedes ver fotos  das distintas actividades  pinchando na imaxe


 


mércores, 22 de maio de 2024

VISITA Á DOMUS

 Hoxe realizamos unha visita á Domus para facer un obradoiro de disección de flores, no que utilizamos o método científico para repasar as partes da flor e o proceso da fecundación. 

Encantounos esta actividade!

Tamén puidemos experimentar e disfrutar na exposición Bocados, que trata sobre nutrición e os obxectivos do desenvolvemento sostible da ONU. Nela puidemos camiñar sobre unha gran roda para comprobar as calorías consumidas;  subirnos nunha báscula especial que indica a cantidade de auga que corresponde ao peso da persoa; ou realizar diferentes estimacións de peso, volume e tempo.

Un museo no que o que está prohibido é non tocar!

E, para rematar, nada mellor que merendar coas súas  marabillosas vistas!

Pinchade na imaxe para ver as fotos da sesión


 


xoves, 16 de maio de 2024

FESTIVAL LETRAS GALEGAS

 Hoxe puidemos gozar do noso Festival das Letras Galegas e dunhas fantásticas actuacións.

En 3º dramatizamos o conto de A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza e cantamos e bailamos Mola cantidade de Mamá Cabra. Ademais, María tocou Negra Sombra coa flauta. 

Agardamos que vos gustara a nosa participación, que podedes ver neste vídeo.


  

Tamén podedes ver fotos e vídeos na web do colexio e pinchando na imaxe


Parabéns a todos e todas!


mércores, 8 de maio de 2024

OBRADOIRO AUGAS DE GALICIA

 Hoxe asistimos a un obradoiro lúdico realizado por Augas de Galicia, dentro da campaña de concienciación sobre inundacións por desbordamento de ríos, xa que o noso centro escolar está situado nunha zona especialmente vulnerable.

Aprendemos como funciona a natureza que nos arrodea, especialmente os ríos e as súas enchentes e coñecemos como as nosas accións poden influír no seu comportamento. 

A través da protagonista da campaña, a pinga de auga, fomos comprendendo diferentes aspectos das inundacións e puidemos intercambiar impresións e experiencias sobre o tema e sobre o Río Maior de Sada.

Tamén realizamos un experimento para ver a importancia que ten a vexetación na contorna dos ríos.

Podedes ver as fotos da actividade pinchando na imaxe


 


venres, 3 de maio de 2024

COLABORAMOS COA ONG ÁFRICA SAWABONA

 O luns, 6 de maio, comezaremos a campaña para a nosa colaboración coa ONG ÁFRICA SAWABONA.

 Podedes ver a información na seguinte presentación.


PROXECTO COLABORATIVO COA ONG ÁFRICA SAWABONA 2º CICLO CEIP SADA Y SUS CONTORNOS de Raquel Garcia