luns, 13 de xuño de 2022

RECOLLIDA DE RESIDUOS NA PRAIA DAS DELICIAS

 Cruz Vermella de Sada realiza cada ano unha actuación de limpeza na nosa vila e nesta ocasión os cursos de 3º e 4º de Primaria colaboramos con eles na recollida de residuos na Praia das Delicias. Foi unha actividade moi interesante na que participamos con moita ilusión e gañas e na que aprendemos moitas cousas cos voluntarios, que nos explicaron o que tiñamos que recoller e como se fai despois a clasificación dos residuos. 

Nun ratiño puidemos ver a gran cantidade de lixo que se acumula nas nosas praias!


 


 

 É moi importante ser responsables e cumprir coa regra dos tres erres, reducir, reutilizar e reciclar,  para coidar a natureza.

Lembrade que todos podemos axudar a diminuír a cantidade de residuos!

Pinchade na ligazón para ver as fotos da actividade

Limpeza da Praia das Delicias

 

 

xoves, 9 de xuño de 2022

SESIÓN DE BIBLIOTECA

 Hoxe tocounos sesión de biblioteca e continuamos cos nosos contacontos semanais. Esta vez Adriano leunos Madrechillona, unha preciosa metáfora sobre como se sente o pingüín cando o regañan e que remata cun sentido perdón, porque todos podemos equivocarnos, ata mamá... Marco e Joao, pola súa parte, contáronnos a tenra historia da árbore xenerosa e o seu amor sen límites cara a un neno.

Antony e Iago elixiron Estoy aquí, un conto que nos transmite que ás veces  os problemas van medrando máis e máis e que a solución non ten que ser a que esperas. E Iago tamén acompañou a Leila na lectura de Mil orejas, unha obra sobre as persoas con discapacidade auditiva e as súas mil maneiras de oír grazas as mil orellas diminutas que teñen no corpo.

Parabéns!


mércores, 8 de xuño de 2022

CUARTO DÍA DE VELA

 


Ola! Hoxe tivemos o último día do curso de vela e pasámolo xenial! A pesares de que choveu un pouquiño saímos ao mar e continuamos aprendendo todos os segredos deste deporte. Foi unha sesión moi especial porque algúns puideron navegar xa sós utilizando os "cadetes" e os "optimist". Tamén practicamos diferentes tipos de nós e xa o facemos moi ben. 


 

Unha xornada estupenda de convivencia e compañeirismo xunto aos nenos e nenas de quinto, chea de diversión e de risas. 

Moitas grazas á escola de vela Alamar por darnos a oportunidade de coñecer este deporte e a todos os monitores polas vosas ensinanzas! 

Este curso gustounos tanto que, ademais de facer algúns debuxos,  Valeria elaborou o seu barco con masa e  Marco tróuxonos unha maqueta moi chula. Parabéns!

 



Pinchade na ligazón para ver as fotos do curso

CUARTO DÍA DE VELA

xoves, 2 de xuño de 2022

CONTINUAMOS CO CURSO DE VELA

 Ola! Hoxe tivemos a terceira sesión do noso curso de vela e aproveitámola ao máximo. Aínda que tivemos algún ratiño de chuvia, en xeral o tempo foi bo e puidemos seguir as nosas clases de navegación nas diferentes embarcacións. E ata algúns acabaron dándose un baño. Preparados para dirixir o noso propio "cadete"?


Pinchade na ligazón para ver as fotos

CURSO DE VELA

mércores, 1 de xuño de 2022

CHEGOU O FEIRÓN SOLIDARIO!

 Hoxe por fin chegou o día e puidemos celebrar o noso feirón solidario. Montamos o posto con moitísima ilusión despois de todo o esforzo e traballo realizado e pasamos unha xornada fantástica compartindo a actividade cos nosos compañeiros e compañeiras do cole e coas familias. Moitísimas grazas pola colaboración e parabéns!



Pinchade nas ligazóns para ver as fotos da xornada

FEIRÓN 3º EP

FEIRÓN AMA CON CORAZÓN 

venres, 27 de maio de 2022

LECTURAS COMPARTIDAS

 Canto desfrutamos coas nosas lecturas compartidas! Nesta ocasión Daniela e Carla contáronnos  Juan tiene autismo e Daniela tamén compartiu a lectura de Ola, son un bicho bóla, un conto moi divertido. Pelayo leunos La isla del abuelo, un libro que nos amosa que as persoas que queremos permanecerán sempre preto de nós. Vicky e Mía contáronnos que a nube Olga estaba triste e Enzo e Dante lembráronnos o delicado que é o equilibrio da natureza co precioso libro Dos montañas. Parabéns!





martes, 24 de maio de 2022

FEIRÓN AMA CON 💗

 Ola! Xa temos dispoñible o catálogo para o feirón solidario que realizaremos o  mércores 1 de xuño, no que podedes ver os produtos que cada clase preparou para este evento dentro do proxecto de consumo responsable que desenvolvemos este curso escolar. Lembrade que as familias podedes visitar os diferentes postos e mercar os produtos que desexedes.